Thursday 16 de May de 2024

Álvaro Presedo e Nati García gañan a Carreira Popular do Ventorrillo


A proba, que forma parte do circuíto Coruña Corre, reuniu nas rúas do barrio a 1.388 atletas de todas as idades

O circuíto de carreiras populares Coruña Corre regresou este domingo, 22 de outubro, coa IX Carreira Popular do Ventorrillo. Tratouse da sexta proba desta décima edición, que reuniu a un total de 1.388 atletas das diferentes categorías. O Goberno de Inés Rey continúa apostando por este circuíto como un dos piares dos eventos deportivos da cidade.

Álvaro Presedo acadou o mellor tempo da proba (20:47 minutos) e conseguiu unha nova medalla de ouro do circuíto por diante de Eloy González (21:17) e Mikel Ocerin (21:34). Na categoría masculina tamén repetiu vitoria unha coñecida do caixón máis alto dos podios de Coruña Corre. Nati García gañou cun tempo de 25:27 minutos, mentres que Inés Papín (25:56) e Mélanie Mariño (25:58) foron segunda e terceira clasificadas. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, foi o encargado de dar o pistoletazo de saída e de entregar as medallas. Fíxoo xunto a José Angel Souto e Anibal Rodríguez, da Asociación de Veciños do Ventorrillo, e Margot Garnelo, do club de atletismo Riazor.

A proba tivo a súa saída e meta na rúa Alcalde Jaime Hervada, no cruzamento con Alcalde Salorio Suárez. Decorreu cara as rúas Liaño Flores, Mosteiro de Caaveiro, Alcalde Salorio Suárez e Alcalde Jaime Hervada. Deuse unha volta a este percorrido e posteriormente enfilou pola rúa Ágora cara a rúa Gramela, Bens, Penamoa, Cances, Silva de Arriba e a meta, na rúa Alcalde Jaime Hervada.

Tras esta proba do Ventorrillo só faltará a derradeira carreira para dar por pechado o circuíto na súa décima edición. O último día de competición será o 26 de novembro coa carreira popular de Novo Mesoiro.